Un apartado para lembrar a mulleres senlleiras
Nome
Luisa Villalta
   Documento sin título

Luísa Villalta

De seguro moitas lembrades a conmoción e a dor provocadas hai agora cinco anos, polo inesperado pasamento desta singular muller galega. A versátil Luísa Villalta falecía moi nova, con apenas 46 anos, na Coruña, a cidade que a vira nacer e á que sempre estivera fonda e intimamente vencellada. Precisamente a esta localidade dedicou os poemarios En concreto (2004) e O Papagaio (2006), aparecidos postumamente.
Apaixonada violinista e profesora deste instrumento, non soubo, ou non quixo, separar dúas das súas grandes paixóns: a música e o verso. Música reservada, aparecido en 1991, sería precisamente o título escollido para o seu primeiro libro de poemas, nas súas páxinas evidénciase unha fonda preocupación polo ritmo e a musicalidade ao tempo que camiñan de mans dadas as formas métricas clásicas e as máis anovadoras estruturas poéticas.
Catro anos despois deu ao prelo Ruído e Rota ao interior do ollo, cos que consolidaba un comprometido e constante labor. Tras anos de traballo, no 2004, recollía o premio Espiral Maior por En concreto, o xurado considerou naquela ocasión que o volume reflectía «un pensamento poético maduro e un equilibrio estilístico entre ou conceptual e o visionario».
Pese a ser voz fundamentalmente lírica, Villalta cultivou con acerto a narrativa, Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001), a dramaturxia, Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das Esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999) e o ensaio. Colaborou activamente en revistas e publicacións especializadas e formou parte durante algún tempo da directiva da Asociación Galega de Escritores. Foi ademais unha entusiasta participante en todo tipo de recitais e actos de difusión da nosa poesía.
Desde esta contraportada, as que facemos Andaina cremos xusto lembrar a figura e a obra de quen sen lugar a dúbida foi unha clara representante da concepción global da arte.

 

Para saber máis:
http://www.prazadasletras.org/letras/autores/autor/136/luisa-villalta

Ver outras